Oleiros, 6 de marzo de 2018-. As obras que se están a realizar na avenida Ernesto Che Guevara rematarán a noite do xoves. Os traballos comezaron no mes de xaneiro e tiñan un ano de prazo de execución, pero debido á velocidade á que avanzaron as escavacións puidéronse adiantar as estimacións iniciais.
Está previsto que durante hoxe martes, mañá mércores e o xoves os operarios traballen desde as 12 da noite ata as 7 da mañá na rotonda de Santa Cristina e no ramal de acceso á ponte da Pasaxe. Unha vez finalicen nesa zona, que se realiza de madrugada para non entorpecer a circulación, quedarán finalizadas as obras na avenida Ernesto Che Guevara, agás o asfaltado da estrada que se efectuará nas vindeiras semanas. Os operarios continuarán traballando baixo a ponte da Pasaxe, pero o tráfico de vehículos xa non se verá afectado.
Xunto co tanque de tormentas que se está a construír en Santa Cruz, esta importante actuación que rolda os dous millóns de euros completará definitivamente a rede de saneamento do Concello de Oleiros. A obra consiste, entre outras cousas, na colocación dunha grande tubaxe dun metro de diámetro baixo o carril dereito da avenida Ernesto Che Guevara -dirección A Coruña, desde a rotonda do monumento ao Che ata a ponte da Pasaxe.