Oleiros, 4 de outubro de 2021-. O Concello de Oleiros pon a disposición de todas as persoas empadroadas no municipio as casas da praia de Bastiagueiro, Etcheverry, A Gardesa e Agramar para a celebración de reunións e festas. Todas aquelas persoas que queiran realizar unha solicitude poderán facelo a partir do 15 de outubro a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Fábrica.
Desta maneira, o Goberno municipal pretende fomentar as relacións sociais e a convivencia entre os cidadáns. A pandemia provocou unha falta de convivencia presencial, especialmente entre a mocidade, e resulta moi necesario recuperala.
Para as casas da praia de Bastiagueiro e Etcheverry –esta segunda non estará dispoñible ata finais de novembro por obras de mellora- terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As solicitudes deberán realizarse mediante o formulario colgado na páxina web do Concello e presentarase a través da Sede Electrónica ou no rexistro municipal da Fábrica, en horario de 8:30 a 14:00 horas, entre unha semana e dous meses de antelación á data solicitada. A adxudicación da Casa farase mediante sorteo.
A Casa da Gardesa de Santa Cruz, a Casa de Agramar en Perillo e a Casa do Pobo de Mera –esta última só os domingos- prestaranse para realizar festas de cumpreanos infantís e reunións familiares. A solicitude deberá realizarse mediante o formulario colgado na web e presentarase no rexistro municipal da Fábrica, en horario de 8:30 a 14:00 horas. A adxudicación realizarase por rigoroso orde de rexistro.