Oleiros, 27 de xaneiro de 2016-. Entre os meses de febreiro e maio, as bibliotecas municipais de Oleiros acollerán 58 sesións de diferentes actividades dirixidas a nenas e nenos desde 1 a 10 anos. Entre outras destacan os contacontos para bebés de 1 a 3 anos, a hora do conto para nenas e nenos de 4 a 6 anos e diferentes obradoiros de ciencia, arte e maxia para idades comprendidas entre os 7 e os 10 anos.
Con estas actividades, preténdese fomentar o pracer pola lectura, que as nenas e os nenos se divirtan escoitando contos, que descubran a diversidade dos libros e que aos que xa lles gusta ler afiancen e consoliden este hábito. Tamén haberá obradoiros para a inclusión social na Biblioteca Central Rialeda, para informar e sensibilizar sobre a realidade social máis próxima.