Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Actividade divulgativa: coñece a biodiversidade do Parque Rosalía Mera

O martes 29 de setembro ás 16:00h terá lugar unha xornada divulgativa de balde na contorna do Parque Rosalía Mera. Trátase dunha actividade de campo para dar a coñecer a diversidade biolóxica que acubilla este espazo natural e singular do Concello de Oleiros. 

O parque Rosalía Mera, situado na parroquia de Dorneda, é un espazo verde de uso público creado cun claro enfoque sostible, participativo e inclusivo, posible grazas ao traballo colaborativo dun equipo multidisciplinar de expertos en xardinaría, bioloxía, paisaxismo e construción. 

Un proxecto no que primaron valores que garanten a atención á perspectiva social (calidade de vida, espazos flexibles, integración no tecido urbano), ambiental (biodiversidade, conectividade ecolóxica e microhábitats) e de xestión (respecto dos elementos patrimoniais e procura dun mantenmento sostible), sen esquecer colaboracións puntuais con talento local da man de artesáns e artistas galegas, entre outras. Unha contorna hoxe día incorporada aos espazos xestionados polo Concello, para o lecer de toda a cidadanía.

A actividade proposta ten como obxectivo coñecer o proxecto en detalle e ollar á diversidade biolóxica que acubilla o espazo. Ademais de fauna e flora falarase de Ciencia Cidadá, e de como cada un de nós pode converterse nun actor esencial contribuíndo á construción colaborativa do coñecemento ambiental.

A xornada prevista para o martes 29 de setembro ás 16:00h é de balde e aberta a todos os públicos mais para participar é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado ao efecto na web gnhabitat.org  

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do Grupo Naturalista Hábitat a través do correo electrónico achegado. Se unha vez confirmada a praza a persoa interesada non puidera acudir, prégase informar canto antes a través de  inscricion@gnhabitat.org ou do teléfono 981 135 014.

INSCRICIóNS: https://gnhabitat.org/descuberta-da-biodiversidade-no-parque-rosalia-mera-29-09-2026/

back link