Oleiros, 13 de outubro de 2021-. Un total de 12 persoas maiores levan semanas -nalgún caso meses- en lista de espera para ocupar unha praza no Centro de Día das Galeras, que dispón neste momento de 21 prazas vacantes. Incomprensiblemente, e malia a urxente necesidade das familias, a admisión no centro está paralizada debido a que a Xunta non resolve un simple trámite administrativo.
O Centro de Día das Galeras conta con 60 prazas en total, pero só se atopan ocupadas 39. Algunhas das persoas que está en lista de espera teñen concedida a valoración máxima do grao de dependencia e as súas familias precisan do seu ingreso no centro.
Ante esta deficiente xestión, o Concello de Oleiros vai dirixirse á Consellería de Benestar para denunciar a situación. Non é admisible que se produza esta infrautilización de recursos públicos tan necesarios para as familias por unha cuestión burocrática.