Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A Xunta insulta á cidadanía da comarca: 500.000 euros para a vía Ártabra en 2027

Dos 61 millóns que a Xunta de Galicia anuncia que vai investir na construción de estradas e autovías en 2027, destina 500.000 euros para a vía Ártabra. Esta insignificante cantidade no dá nin para reactivar o proxecto, o que na práctica supón continuar castigando á cidadanía da comarca da Coruña, a máis importante de Galicia, a unha situación de caos diario nos accesos á cidade.

A postura do Goberno da Xunta coa vía Ártabra é insultante. Tampouco retomarán as obras en 2027, cando levan coa obra paralizada desde 2021, tempo máis que suficiente para realizar unha obra de máximo interese autonómico.

Mentres a Xunta segue sen finalizar a construción da gran circunvalación metropolitana coruñesa que daría servizo aos concellos de Oleiros, Sada, Bergondo, Cambre, Culleredo, Carral, Arteixo e A Coruña; miles de persoas, día si e día tamén, chegan tarde a traballos, clases, citas médicas... Ademais do prexuízo económico para as empresas. Nos últimos 40 anos a poboación desta comarca incrementouse en 100.000 persoas, pero seguimos practicamente coas mesmas infraestruturas viarias.

OLEIROS MARXINADO 

Nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 non se inclúe ningún investimento no Concello de Oleiros: nin novas beirarrúas nas estradas autonómicas, nin rotonda en Montrove, nin cuberta no colexio Parga Pondal, nin ventás no colexio Luis Seoane, nin ampliación do porto de Lorbé nin bombeo para o saneamento, nin investimentos nas melloras da rede de auga comarcal. É indignante o constante uso partidista das institucións por parte do Partido Popular.
 

back link