Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A Xunta debe liderar a creación das redes metropolitanas de autobuses, incluíndo a cidade da Coruña

A Xunta debe poñerse dunha vez coa tarefa de realizar un Plan de Transporte Público Metropolitano integral e permeable, que supere as rixideces dos límites municipais, e máis concretamente a diferencia entre a cidade central e o resto da área.

O anuncio da alcaldesa da Coruña de realizar un estudio global do transporte público na cidade, algo positivo, debería de converterse nunha mesa do transporte público metropolitano que contemple a comarca no seu conxunto, sen límites locais, tal como dixo esta mañá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

A Xunta debería ser ambiciosa e crear un espazo de negociación entre todos os concellos da área (que son a súa competencia) e a capital para tratar de forma conxunta as redes de transporte e o xeito máis eficaz de promover en serio este modo de mobilidade, que sigue coas mesmas estruturas de xestión que hai décadas.

As abundantes declaracións políticas sobre o transporte público serán sempre papel mollado ante administracións que non falan, que se dan as costas, e que demostran a súa falta de ambición ao non poñer as bases da transformación real das redes de prestación do servizo á cidadanía.

O actual caos do transporte en Oleiros é só un chanzo máis nesta deriva conservadora e pasiva da Xunta mantendo as cousas como están desde hai décadas, pese a que tanto as dinámicas de poboación como a realidade urbana da área metropolitana ten evolucionado de xeito moi intenso.

Encher a boca con palabras baleiras relacionadas co importante que é o transporte público para unha mobilidade sostible só significa que están a mentirlle á cidadanía, que non ten máis remedio que utilizar o automóbil privado para os seus desprazamentos cotiáns.

back link