Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A Xunta continúa a negarse a crear unha liña de transporte coa Universidade

Comezou un novo curso universitario pero tanto alumnado como profesorado de Oleiros continúa sen dispoñer dun servizo de autobús público á Universidade da Coruña -competencia exclusiva da Xunta de Galicia nos municipios de menos de 50.000 habitantes-. Esta política de bloqueo da Xunta está obrigando a usar o coche ou a facer un periplo en bus ata o centro da cidade a máis de 800 persoas que residen en Oleiros, así como outras tantas de municipios limítrofes que tamén se beneficiarían da creación desta liña, pois todos os buses de Sada, Bergondo, Betanzos e parte de Cambre pasan por Perillo.

O Concello de Oleiros leva anos demandando a creación dunha liña entre Perillo e o campus universitario da Coruña que funcione de forma circular nas franxas horarias de entrada e saída das aulas. Dado o volume de persoas que se beneficiarían desta conexión non se entende o postura da Xunta ante esta proposta.

 

A esperpéntica falta de conexión coa Universidade é unha mostra máis do miserento servizo de transporte público que a Xunta de Galicia presta na comarca da Coruña e que se nega a mellorar, ignorando os problemas que sofren a diario milleiros de cidadáns para desprazarse; adoptando continuamente unha posición de defensa da empresa concesionaria e do lucro das liñas, cando un servizo público coma este non se pode medir exclusivamente en termos de rendibilidade económica.

 

Os feitos demostran que a Xunta non quere resolver o grave problema de mobilidade existente na comarca da Coruña, polo que a creación dun Consorcio Metropolitana de Transporte que leva propoñendo anos o Concello de Oleiros sería determinante, así como abordar importantes obras pendentes na rede viaria: Alfonso Molina, ponte Pasaxe, Vía Ártabra, Artabriña, Vial 18...

back link