Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A obra O Tolleito de Inishmaan chega o sábado ao Auditorio Gabriel García Márquez

Oleiros, 26 de outubro de 2016-. O vindeiro sábado 29 de outubro, ás 20:30 horas, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera acolle a representación da comedia O Tolleito de Inishmaan. A compañía Contraproducións presentará en Oleiros o espectáculo de Martin McDonagh, que dirixe Cándido Pazó e que conta cun elenco de actores de primeiro nivel.

A obra ben podería estar ambientada nunha aldea galega, aínda que se desenvolve nunha pequena illa irlandesa nos anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características... Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

Os actores que dan vida a esta historia son Santi Romay, Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, Melania Cruz, Marcos Pereiro, Toni Salgado e Ricardo de Barreiro. As entradas poñeranse á venda a un prezo de 3,50 euros a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.
 

back link