Oleiros, 26 de maio de 2016-. Mañá vaise inaugurar ás 18:00 horas unha exposición colectiva de pintura cos traballos realizados durante este último ano polas alumnas e alumnos do obradoiro “A pintar” que desenvolve a Concellaría de Servizos Sociais e Sanidade do Concello de Oleiros. O centro cultural A Fábrica en Santa Cristina acollerá, desde mañá e ata o 10 de xuño, esta mostra que poderá visitarse durante todo o día no horario de apertura destas instalacións.
Esta exposición colectiva amosa as creacións e os traballos das 70 persoas que participan nestes cursos, todas elas dunha gran calidade e realizadas coas distintas técnicas que se poden utilizar no mundo da pintura: óleo, acuarela, pastel, acrílico... Estes cursos enmárcanse nos obradoiros de expresión e capacidade artística que se realizan durante todo o ano nas instalacións de O Castaño, en Perillo, tanto en horario de mañá como de tarde.
Ademais destes obradoiros de pintura a programación do conxunto de actividades ocupacionais que desenvolve Servizos Sociais compleméntase con obradoiros de tapices e macramé, encaixe, manualidades e costura, no que ademais dunha aprendizaxe de actividades artísticas e manuais, ofértase un punto de encontro semanal nas que as preto de 200 persoas que participan en todas estas actividades comparten, a través dunha actividade grupal, amizade, relacións e conversa, fomentando as relacións persoais entre veciños e veciñas, un obxectivo clave para fomentar o benestar e participación comunitaria.