Oleiros, 10 de outubro de 2020-. O Concello de Oleiros, desde o Programa de Familias Inquedas da concellería de Servizos Sociais e Igualdade, organiza o vindeiro venres 16 de outubro ás 19:30 horas no auditorio do centro cultural A Fábrica a presentación do libro “Educa Bonito” de María Soto, experta en Disciplina Positiva e unha das referentes a nivel estatal desta metodoloxía. Neste acto, a autora, reflexionará sobre o difícil papel que teñen a diario todas as nais e pais na educación e crianza dos seus fillos, así como da importancia dos valores a transmitir, non só coas palabras senón tamén cos xestos e coas accións.
Hemeroteca
Desde Octubre 2010
No libro deféndese a educación baseada nun equilibrio entre a firmeza e o amor, para proporcionar estabilidade ás nenas e nenos do futuro, potenciando as súas capacidades e posibilitando un desenvolvemento baseado en valores a través da aprendizaxe continua. Desde o plano persoal, como nai de tres fillos, e profesional, como experta en disciplina positiva, a autora compartirá coas persoas asistentes as súas experiencias e reflexións a través dun coloquio aberto, no que poderán preguntar por cuestións que lles preocupan sobre este tema.
María Soto, ademais de ser unha referente na metodoloxía da Disciplina Positiva a nivel estatal, é veciña de Oleiros e impartiu diversos talleres sobre educación ás familias do noso concello. O seu traballo é recoñecido e seguido por numerosas nais e pais de España e doutros países de América Latina a través das súas publicacións nas redes sociais.