Oleiros, 21 de decembro de 2018-. A compañía Tanxarina presenta o domingo ás 18:30 horas no auditorio da Fábrica o seu espectáculo A Galiña azul, recomendado para un público familiar. Miguel Borines Fernández, Andrés Giráldez Río e Eduardo Rodríguez “Tatán” conforman o elenco desta obra na que se mesturan monicreques e actores.
A galiña azul está baseada no conto homónimo de Carlos Casares. O espectáculo resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.
As entradas poñeranse á venda a partir das 17:30 horas, ata completar a capacidade da sala.