Oleiros, 28 de novembro de 2018-. A compañía Contraproducións presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o seu espectáculo Os fillos do sol, escrita e dirixida por Cándido Pazó. César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez conforman o elenco desta obra de teatro.
Os fillos do sol é unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que ocupou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. A cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, Eduardo Pondal, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas, tendo por interlocutores un personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, el mesmo cando comezaba, de mozo, a súa carreira literaria. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a nova criada da pensión na que vive.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala. Está recomendada para maiores de 12 anos.