Oleiros, 20 de outubro de 2021-. A Quintana Teatro presenta o sábado ás 20:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera a obra O premio. Victoria Teijeiro, Raquel Espada e Xurxo Cortázar forman o elenco desta obra de Santiago Cortegoso e que dirixe Marián Bañobre.
O premio é unha comedia aceda que fala da situación das persoas dentro dun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fose tal, que se viron obrigadas a caer en “O Premio” como única fórmula de conseguir a felicidade. O premio é un reality en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”. Tres finais posibles en función do desexo do público.
As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, a 3,50 euros, ata completar a capacidade permitida da sala. A obra está recomendada para maiores de 12 anos.