Oleiros, 08 de novembro de 2016-. O vindeiro venres 11 de novembro, ás 20:30 horas, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera acolle a representación da comedia musical Filosofando, da compañía Boneca Lareta, escrita e dirixida por Diego Rey.
Filosofando é a continuación natural, tal vez a evolución necesaria, da anterior montaxe Sede de Mal. Nesta ocasión, os dous intérpretes soben ao escenario para reflexionar sobre unha cuestión simple, sinxela e mundana, unha cuestión que é tan vulgar que lle acontece a calquera, mesmo a un ninguén: a existencia! Esa é a cuestión e non outra. A filosofía proclama iso de que un ser humano “pensa, logo existe.” Pero... de verdade facemos unha cousa antes ca outra?
Luís Iglesia e Xabier Deive protagonizan esta obra de 70 minutos de duración. As entradas poñeranse á venda a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala, a un prezo de 2,50 euros.