Oleiros, 20 de outubro de 2016-. O vindeiro sábado 22 de outubro, ás 20:30 horas, o Auditorio Gabriel García Márquez de Mera acolle a representación da obra de teatro Eroski Paraíso. O Grupo Chévere presenta o espectáculo escrito por Manuel Cortés e dirixido por Xron.
A obra conta a historia de Eva Martínez e Antonio Formoso que se coñeceron na sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Como tantas outras familias emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, Eva está en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración.
O elenco desta comedia está formado por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez e Luís Martínez. As entradas poñeranse á venda a un prezo de 3,50 euros a partir das 19:30 horas, ata completar a capacidade da sala.