Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A Biblioteca Rialeda acolle unha charla sobre ciencia co biólogo Francisco Armesto

Oleiros, 21 de marzo de 2019-. Mañá venres día 22 de marzo, ás 18:30 horas, a Biblioteca Central Rialeda acollerá a charla Imos experimentar. O biólogo e director técnico de proxectos dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Armesto Ramón, será o relator principal desta xornada.

Francisco Armesto traballa nos Museos científicos coruñeses desde o ano 1986. Participou na creación de numerosas exposicións científicas. Ganou o V Premio de Divulgación Científica Estudi General e é coautor de varios libros de divulgación científica. Escribiu máis de douscentos artigos para diferentes medios e é membro da Real Sociedad Española de Historia Natural e da Asociación Española de Periodismo Científico.

A Biblioteca Central Rialeda, dentro do programa Ler para saber, está a albergar charlas sobre temas científicos dirixidas a nenas e nenos maiores de 10 anos, adolescentes e público en xeral. O 26 de abril Francisco Franco del Amo traerá a Rialeda Mar de plásticos. A última das xornadas será o 10 de maio, Aves da Ría do Burgo, co fotógrafo Antonio Patiño.

Con estas actividades preténdese achegar a ciencia a todas as persoas, ampliar os coñecementos sobre temas científicos de importancia na vida diaria, fomentar o coñecemento específico dunha materia determinada, dinamizar os fondos bibliográficos sobre estes temas, atraer á biblioteca a un público interesado pola ciencia e, en definitiva,  fomentar  a lectura e a consulta de libros que traten estas temáticas. Programáronse charlas e obradoiros sobre aspectos diferentes para atraer a un público de gustos diversos e variados.

back link