XX ALFAROLEIROS
22.00 h: concerto de Balakandra
23:00 h: concerto de SES, co xenio destrozado
Balakandra nace en San Sadurniño no ano 2004 no seo do mítico grupo Saraibas froito das inquedanzas musicais de varios dos seus membros que trataban así de dar renda solta aos seus coñecementos musicais. No 2012 editan o seu primeiro disco “Balakandra”. Neste ano 2014 a banda celebra o seu décimo aniversario. Seis músicos de idades e procedencias moi dispares, letras comprometidas coa nosa sociedade e cos nosos corazóns. A súa música é unha viaxe polas músicas do mundo con paradas no country e no blues do sur dos EEUU., nos sons latinos de Brasil e Cuba, nos clubes neoiorkinos e nos frenéticos ritmos do este de Europa, unha longa viaxe coa mellor locomotora: o folk galego.
Se algo podemos destacar de SES é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza.
Formada na música e no baile tradicional, Sés é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos a banda Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso A Coruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.
Co Xenio Destrozado é un traballo feito con orgullo identitario, frescura e vitalidade, que pretende concentrar nunha presa de cancións viscerais e paixonais a potencia do directo. Temas de cantautora vestidos de blues, rock e sons do continente hispanoamericano. Gravado nos estudios BRUAR, de A Coruña, e producido por María Xosé Silvar, a propia SES, neste traballo conta cos seus músicos habituais nos directos: Tito Calviño (guitarras), Marcos Pazo (batería) e Fran Sanz (baixo).