XX ALFAROLEIROS
22.30 h: concerto de Quempallou. Música tradicional sen complexos.
Con máis de doce anos de traxectoria artística, Quempallou é unha das bandas máis representativas do folk galego, levando a festa por bandeira en cada concerto, pero sen esquecer unha clara mensaxe de compromiso social.
Eles fan música de raíz dende un punto de vista actual, sen complexos nin ataduras, tendo sempre claro as súas orixes pero mirando cara adiante en todo momento. Claro reflexo son os seus traballos discográficos, nos que se observa unha constante evolución musical, coa que acadaron un son propio e característico. Dende aquel primeiro “Quempallou”, e a música tradicional como base, pasando por “Estremonías” e a forza da palabra, chegando a “Polo Aire”, cunha importante madurez musical, composicións propias e coidados arranxos.
Agora presentan o seu novo e agardado traballo discográfico “Vellas Novas”, que cunha estética baseada no mundo do xornalismo, contén composicións propias e tradicionais ao máis xenuino estilo de Quempallou. “Vellas Novas” é un traballo cargado de matices sonoros e cunha gran dose de influencias musicais, que chegan dende a experiencia dun grupo que leva máis de doce anos en escena. Como é habitual en Quempallou, o disco asenta unha fonda raíz na tradición musical galega, a partir da cal, constrúe arranxos, adapta letras e crea novas composicións. Así conseguen unha sonoridade característica, apoiada nas percusións tradicionais, o acordeón e as cordas, sobre o que camiñan frautas, gaitas, e sobre todo a voz.
Formación
Roi Maceda: Acordeón, Guillerme Ignacio: Gaitas, frautas, voz, Isaac Millán: Bouzouki, Guitarra acústica, Roi Adrio: Tamboril, percusións. Xosé Maceda: Bombo, percusións. Alfonso Agulla “Eski”: Son ao vivo.