Noticias

Atrás PROXECCIÓN DA LONGAMETRAXE DOCUMENTAL: CAMBIA DE PAPEL

 

Centro cultural A Fábrica

Xoves 10 de outubro ás 20.30 horas.

(Entrada libre, ata completar a capacidade da sala)
 
 
 
            A ONG galega, Implicadas no Desenvolvemento, presenta no auditorio da Fábrica a súa longametraxe documental Cambia de papel.
 
            O traballo documental, rodado na India, foi dirixido por María Reimóndez (vicepresidenta e fundadora de Implicadas, escritora e experta en enfoque de xénero), Kutti Revathi (escritora, cineasta támil, editora da revista feminista Panikkudam), e Luís Tosar (actor, socio e colaborador de Implicadas dende 2008).
 
            A presentación deste documental promovido pola ONGD galega Implicadas no Desenvolvemento enmárcase dentro do proxecto "A crise como cambio: perspectivas e alianzas entre as mulleres". Este traballo audiovisual foi concebido cun enfoque afastado do documental xornalístico ou informativo co obxectivo de trasladar ao público á pel da outra persoa e, nese proceso de transformación, provocar a única reflexión necesaria para facer dos difíciles mundos que habitamos, un lugar mellor.
 
            A longametraxe ten unha duración de 35 minutos. O público asistente terá a oportunidade de contar coa presenza de María Reimóndez e a actriz protagonista Manimekalai Da Bharatidasan. Ao finalizar a proxección abrirase unha quenda de preguntas.
 

            Implicadas no Desenvolvemento é unha ONG fundada en 1998 e que conta con proxectos de cooperación ao desenvolvemento no sur da India, por un lado o programa da “Erradicación do infanticidio feminino en Salem" e por outro lado o programa de "Empoderamento das mulleres en Tiruchy".