Caravana solidaria do acollemento familiar de cruz vermella.
“Porque hai nenas e nenos que precisan vivir en familia”
Praza Esther Pita Pita, Santa Cruz
Martes 29 de xullo. De 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
O autobús de Os bolechas, dentro da viaxe que realiza por oito Concellos de Galicia coa campaña “Os Bolechas, familia acolledora” coa que pretende dar a coñecer o acollemento familiar á poboación chega a Oleiros.
Aumenta a familia é unha campaña dos Bolechas para amosar o programa das familias acolledoras da Xunta de Galicia que desenvolve Cruz Vermella e que trata de atopar un fogar ás nenas, nenos e adolescentes que por algún motivo non poden convivir temporalmente coa súa familia.
A finalidade do programa é ofrecerlle un entorno estable e afectivo aos menores que nun momento dado pasan a estar baixo a tutela ou garda da Xunta de Galicia ao non poder convivir coas súas familias, aínda que seguen en contacto permanente con elas co fin de volver a reunirse en canto se solucione o problema que motivou a saída do fogar.
Pode ser familia acolledora calquera persoa ou familia capaz de manter a estabilidade do menor e facilitarlle os coidados, a seguridade e a educación que precisa.
A caravana estará instalada na Praza Esther Pita Pita, de Santa Cruz o vindeiro martes 29 de xullo no seguinte horario: de 12.00 a 15.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Nela participarán os sete personaxes da coñecida serie. No autobús nenas, nenos e maiores poderán gozar das actividades do Universo Bolechas na ludoteca do primeiro andar, dos libros que ofrece a sala de lectura ou dos capítulos da serie de televisión na sala de cine instalada no segundo andar do bus. Ademáis, instalarase unha carpa onde se ofrecerá material divulgativo e todo tipo de información sobre o acollemento familiar.