Noticias

Atrás OBRADOIRO MULTIDISCIPLINAR: POESIA, DANZA E MÚSICA

 

O venres 6 de abril, a partir das 8 horas, ábrese o prazo de inscrición para poder participar no obradoiro multidisciplinar relativo a Juana Docencia, premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade, que se desenvolverá en Oleiros os días 20 e 21 de abril. A inscrición é de balde e ofértanse 15 prazas. Terán preferencia as persoas empadroadas no concello de Oleiros. As clases impartiranse no centro cultural A Fábrica. 

 

Juana de Ibarbourou_Docencia é un proxecto artístico-educativo aberto á participación de calquera persoa interesada na experimentación con poesía, danza, música e creación escénica fundamentado na escritora uruguaia de ascendencia galega Juana de Ibarborou (1892-1979) que vén de ser galardonado co I Premio “Luísa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña.

 

Juana_Docencia nace da performance Juana de Ibarborou_Inspiracións (2017), a cal integra no guión textos de escritoras de diferentes séculos (Rosalía de Castro, Juana de Ibarborou, Marina Oural). Conta en escena con Marina Oural (poesía e voz), Irene Álvarez Coto (danza) e Chefa Alonso (música), tres mulleres de diferentes xeracións que lideran as súas parcelas artísticas baixo a dirección escénica de Mónica Cofiño.

 

Partindo dun espectáculo nacido desde unha visión contemporánea, estas catro creadoras abren unha xanela á participación e experimentación artística a través de catro obradoiros abertos que se desenvolverán en abril de 2018 para aprender e vivenciar como e desde onde as escritoras crean. Un dos bastións fundamentais deste proxecto de arte e educación sitúase no ecofeminismo: alén do propio corpo, unha das principais ferramentas escénicas coas que se traballa nos obradoiros son as fabas de Lourenzá (localidade de orixe da familia de Juana de Ibarbourou e lugar de nacemento da directora do proxecto, Marina Oural). A semente ‘galaica’ sobe desde a terra para a escena nunha viaxe imaxinaria para entroncar coa forza da arte desde a creación e a diversidade de mundos posibles compartidos. O pequeno é grande identificado aquí na agricultura sostible e de proximidade que se tenta fomentar cun sentido de conservación do rural e implicación da súa poboación. Preténdese, na fin, sumar enerxía e voces que desde unha perspectiva de xénero liguen a arte como ferramenta de construción dun futuro máis xusto para os seres humanos independentemente do seu xénero.

 

Juana_Docencia rematará coa posta en escena sobre o palco resultado do proceso saído das residencias artísticas o vindeiro domingo 29 de abril no Auditorio Municipal de Vimianzo. Nesta representación estarán integrados na obra diversos achados artísticos xurdidos da experiencia dos obradoiros desenvolvidos nas semanas previas.

 

Cantos e como serán os obradoiros?

Serán tres sesións de traballo artístico colectivo e interdisciplinar de 12 horas en total.

Dúas das sesións, de 4 horas cada unha, están abertas á participación das persoas inscritas, a terceira de 4 horas é para traballo interno do equipo docente.

A poesía, a danza, a música e a creación escénica son os piares que guiarán as aulas.

 

Onde e cando serán os obradoiros abertos ao público?

OLEIROS. Centro cultural A Fábrica

Venres 20 (16h-20h) e sábado 21 (16h-20h) de abril.

 

Cales son as condicións para participar?

A participación nos obradoiros é completamente gratuita. Só é necesario inscribirse

previamente. Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

 

Os obradoiros de Juana_Docencia está abertos a todos os públicos e non se esixe ningún tipo de formación previa para participar se ben se priorizará a participación activa de mulleres, adolescentes e de docentes e artistas das diferentes especialidades:

música, poesía, teatro, danza, circo, artes plásticas...

 

É imprescindible que a persoa participante especifique na inscripción que recurso

quere traballar no obradoiro: corpo, texto, voz, instrumento, interpretación…Pódese

participar desde varias especialidades á vez, só é preciso enumeralas no momento de

reservar a praza. Se es música ou artista plástica é imprescindible traer o material necesario da túa especialidade: un instrumento musical ou un obxecto sonoro, pinceis e pinturas, etc.

 

Como inscribirse e onde?

Chamando por telefono ou escribindo aos enderezos electrónicos da área de cultura. 

Tlf: Dpto. Cultura 981 610 000 // cultura@oleiros.org  ou  r.caparros@oleiros.org

 

Podes descargar o dossier explicativo para a participación no obradoiro premendo aquí.