Novas

Asset Publisher

Back Este xoves repártense os premios do IX Premio Literario Descubrindo Oleiros

Este xoves 22 de xuño entréganse os premios do IX Premio Literario Descubrindo Oleiros ás 19.30 h na Fábrica. O concurso literario que naceu en 2014 ten como obxectivos principais promover o uso da lingua e dar a coñecer o municipio, á vez que se dá participación á veciñanza para mostrar a súa creatividade.  Poden participar neste premio nenos e nenas desde 3º de primaria ata persoas adultas, divididas en 6 categorías.

Este premio literario, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, cada ano colle forza e nesta edición presentáronse 164 relatos. A implicación dos centros de ensino neste concurso é primordial, así como os obradoiros literarios organizados polo Servizo de Normalización Lingüística para a participación de persoas adultas.

Atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade concedéronse os premios ás seguintes persoas segundo as categorías ás que pertencen. Na primeira categoría, que estaba destinada ao alumnado de 3º e 4º de primaria, na que participaron 81 nenos e nenas, resultou gañadora Zoe Carbajo García, de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo seu relato As fadas da luz. Nesta categoría, outorgouse tamén un accésit a Vega Fernández Coello, de 3º de primaria do CEIP Juana de Vega, polo seu relato O meu fogar perfecto.

Na segunda categoría, dedicada a escolares de 5º e 6º de primaria presentaron os seus relatos 54 alumnos e alumnas, e o xurado decidiu que pola súa orixinalidade fose a gañadora Mencía González Blanco, do CEIP Luis Seoane, polo seu relato A familia Oleiros.

Na terceira categoría, dirixida a alumnado de 1º e 2º de ESO, presentáronse 23 textos e resultou gañadora Emma Villamor Redondo, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo seu texto O Castro de Xaz. E nesta categoría tamén se dá outro accésit a Uxío Fernández Paz, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo conto Que historia pode ter Oleiros?.

A cuarta e a quinta categoría, adicada a estudantes de 3º e 4º de ESO e veciños e veciñas de 16 e 17 anos, quedaron desertas porque non se presentou ningún texto.

E na 6ª categoría, para persoas adultas, presentáronse 6 textos e gañou Destino, de Rebeca María Varela Garea.

Os premios outorgados son vales valorados en 200 euros para gastar nas librerías Que me contas?, Mar de Letras, Bolboreta e en Quercus.

No acto  ademais de entregar a cada persoa gañadora o seu premio, convocouse ás persoas gañadoras dos premios dos últimos dous anos para entregarlles un lote de libros nos que se publican os textos premiados no ano 2020, 2021 e 2022. Estes libros supoñen a terceira publicación do premio.