O programa municipal Coñecerse é vivirse ofrecerá este outono un obradoiro de autodefensa feminista dirixido a mulleres e adolescentes a partir de 16 anos empadroadas en Oleiros. A actividade é gratuíta e contará con 22 prazas.
O Obradoiro de autodefensa feminista celebrarase todos os luns do 19 de outubro ao 30 de novembro, en horario de 19:00 a 20:30, na Casa da Cultura de Perillo.
O prazo de inscrición estará habilitado do 8 de outubro ás 9H ao 15 de outubro a través da web municipal, no apartado TEMAS, IGUALDADE, ACTIVIDADES A PORTA VIOLETA
Coñecerse é vivirse é un programa no que se desenvolven distintas actividades dirixidas a mulleres e que ten como finalidade aumentar o autocoñecemento arredor do propio corpo e promover o coidado da saúde desde unha perspectiva integral.
Nesta ocasión celebrarase o Obradoiro de autodefensa feminista, unha actividade centrada no autocoñecemento corporal, na adquisición de recursos prácticos de protección persoal e no fortalecemento da confianza, da seguridade e da capacidade de resposta.
A proposta incorpora un enfoque de bo trato, prevención e apoderamento. A autodefensa traballarase como unha práctica corporal saudable e accesible, que permite recoñecer o corpo e o espazo como recursos de coidado, protección e autonomía.
Ao longo das sesións abordaranse coñecementos básicos sobre postura, equilibrio, garda, distancia e desprazamentos; técnicas sinxelas e efectivas de golpeo e bloqueo; defensas fronte a suxeicións ou empurróns; liberacións de pulso, pescozo, cintura ou costas; e simulacións adaptadas a situacións reais e cotiás.
A actividade desenvolverase cunha metodoloxía activa, práctica e vivencial, e traballarase de forma progresiva, partindo de técnicas básicas cara a exercicios máis complexos, sempre adaptados ao nivel físico e emocional de cada participante. Empregarase o traballo individual, por parellas e en pequenos grupos, favorecendo a confianza, a coordinación e o apoio mutuo.