Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Teatro sobre a figura de Begoña Caamaño este sábado na Fábrica

O Concello de Oleiros ten programado para este sábado  unha obra de teatro sobre Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. Begoña Caamaño: o transgredir das ondas é unha obra da compañía Berrobambán, con texto de Paula Carballeira e dirixida por Chiqui Pereira, financiada pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A entrada é gratuíta con invitación, que se repartirá desde 30 minutos antes do espectáculo. A obra comeza ás 20:30 horas, no auditorio do centro cultural A Fábrica, en Perillo.

Trátase dunha peza unipersoal de Berrobanbán que reivindica a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño abordando temas fundamentais na súa obra como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. Na peza, unha xornalista recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e decide realizar a gravación dun podcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora

A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Begoña, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais nos que participou. Porén, durante a gravación deste podcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, como se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, ao igual que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa historia.
 

back link