Oleiros, 18 de abril de 2012-. A emisora municipal comezou este luns a emisión dun curso práctico de galego impartido por Plácido Lizancos e Pilar Vidal. As clases, de cinco minutos de duración, emítense de luns a venres ás 11.00 horas da mañá e repetiranse ás 17.00 horas. Ademais, as persoas interesadas poderán descargarse as leccións a partir de mañá a través da páxina web do Concello de Oleiros, no apartado de Podcast de Radioleiros.
O profesorado deste curso pretende contribuír a que o galego sexa realmente un medio práctico de comunicación, tanto escrito como falado. As clases impártanse en galego normativo, seguindo estritamente as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que en xullo de 2003 promulgou a Real Academia Galega. Pilar Vidal destacou que será «unha aprendizaxe doada para todas as persoas, galegas ou non galegas, que desexen aprender dun modo rápido e práctico».
O curso práctico de galego de Radio Oleiros consta de 75 clases de cinco minutos que se emiten no 101.5 da FM ou a través do sinal en liña de Radioleiros. Con este curso a emisora municipal do Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso coa defensa do idioma propio de Galicia, que é tamén o idioma no que Radio Oleiros ofrece a súa programación.