As solicitudes para as saídas culturais realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 26 de outubro, ás 10.00 horas, e ata o mércores 28, ás 14.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. As actividades son gratuítas.
As persoas que teñan interese nas dúas saídas marcarán ambas por orde de preferencia, e se houbera máis solicitantes que prazas, resolverase mediante un sorteo público, con preferencia para persoas empadroadas, que se realizará na Fábrica (rúa do Inglés 13, Perillo).
A participación implica o uso obrigatorio do servizo de autobús, saíndo de Oleiros en ambos casos sobre as 15.00 horas.
Máis información en r.caparros@oleiros.org
- Venres 13 de novembro ás 16.30 horas
Visita guiada ao Cemiterio de San Amaro (A Coruña)
O roteiro, da man do guía Suso Martínez, permitirá coñecer en profundidade espazos salientables deste lugar tan especial. A visita durará hora e media e será “como un conto”, xa que é unha homenaxe aos mortos e ás figuras máis destacas da Coruña e Galicia de distintas épocas.
- Venres 27 de novembro, toda a tarde
Visita guiada á exposición Voces do Pacífico. Innovación e tradición, no Gaiás, Cidade da Cultura, e roteiro guiado pola cidade de Santiago de Compostela.
A exposición internacional Voces do Pacífico. Innovación e tradición presenta por vez primeira en Galicia unha escolma de máis de 200 obxectos da colección do British Museum, unha das máis relevantes de arte de Oceanía a nivel internacional.
De Papúa Nova Guinea a Rapa Nui, e desde Hawai a Nova Zelandia, Oceanía abrangue unha enorme diversidade de illas e culturas unidas polo Pacífico. Voces do Pacífico é unha celebración das culturas e a sensibilidade artística dos pobos que habitan esta extensa rexión, para quen o océano foi ao tempo medio de subsistencia e inspiración da súa creatividade.
Voces do Pacífico amosa numerosos obxectos históricos, pero tamén obras de creadores actuais que achegan a Santiago de Compostela a riqueza da arte de Oceanía a través do equilibrio entre innovación e tradición. Unha cuarta parte do total das pezas foi realizada nos últimos cincuenta anos por artistas contemporáneos que preservan e recuperan formas tradicionais de tecido, talla ou tatuaxe.
O discurso establece unha conexión directa con retos globais actuais como o cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas de Oceanía debido á subida do nivel do mar. Voces do Pacífico configúrase como un recoñecemento ás culturas oceánicas ancestrais como fonte de coñecemento fundamental para afrontar os desafíos medioambientais do presente. o longo do percorrido, a exposición preséntase como un convite á reflexión e á acción, salientando a creatividade, a innovación e a resiliencia que caracterizaron estas comunidades durante milenios.