Oleiros, 8 de setembro de 2020-. A Consellería de Sanidade notificou ao Concello de Oleiros que a día de hoxe hai 56 casos activos de COVID-19 no municipio, 5 máis que onte. Un total de 145 persoas atópanse en seguimento por contactos estreitos con persoas contaxiadas.
María José Varela Neira, primeira Tenente de Alcalde do Concello de Oleiros, participou na reunión diaria con Sanidade á que están convocados todos os concellos da área metropolitana da Coruña para analizar a evolución da incidencia do Sars-Cov2 na comarca. Os casos de COVID-19 en Oleiros son notablemente inferiores aos de Culleredo, con 97 casos activos, ou aos de Arteixo, con 138 casos activos.
Desde o Concello de Oleiros faise un novo chamamento á concienciación e á responsabilidade dos cidadáns para frear os contaxios.