Oleiros, 17 de decembro de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, acompañado da bibliotecaria municipal Luz Corral, recollerán o próximo 21 de decembro na Biblioteca Nacional de España, en Madrid, o Premio Nacional María Moliner correspondente ao ano 2011, na modalidade de municipio de entre 20.001 a 50.000 habitantes, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Este é un premio convocado a nivel de todo o Estado español co obxectivo de premiar o mellor proxecto que incluíse as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecario, a integración social na comunidade e o uso das novas tecnoloxías, valorando a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca e o esforzo realizado, os proxectos de extensión bibliotecaria levados a cabo, a colaboración cos centros educativos e outras entidades e en conclusión aqueles proxectos que fomentasen a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.
O Premio María Moliner é o galardón máis importante que existe na actualidade en España dirixido a bibliotecas e supón un importante recoñecemento e valorización do traballo realizado polas bibliotecas municipais de Oleiros. O premio consiste nun lote de 200 libros e un premio en metálico de 12.000 euros
O proxecto presentado polas bibliotecas municipais de Oleiros denominouse “Lecturas refrescantes” e nel presentáronse as principais actividades de fomento da lectura levadas a cabo. As bibliotecas municipais durante o ano 2011 realizaron un esforzo por achegarse á cidadanía, aumentar o número de actividades de promoción da lectura levadas a cabo para traballar en prol da difusión do libro e a promoción da lectura, co obxectivo de formar novos e mellores lectores e conseguir máis poboación lectora dentro do Concello de Oleiros.