Oleiros, 11 de marzo de 2013-. Este próximo venres, 15 de marzo, a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros vai presentar á poboación maior do Concello de Oleiros o programa Ven e Descubre 2013, «I+D+I Investigar, descubrir, indagar na nosa identidade». A cita será ás 18.30 horas na Fábrica. Nesta nova edición do programa de excursionismo e sendeirismo a liña temática indagará nas pegadas da nosa identidade a través dos nosos recursos económicos, naturais e da ciencia e a tecnoloxía.
O Concello de Oleiros quere transportar aos maiores nunha viaxe diferente, coñecer realidades dos sectores económicos que sustentan a nosa economía, coñecer os avances científicos e tecnolóxicos que fan posible a nosa forma de vida.
As rutas propoñen unha mirada diferente a lugares xa coñecidos, unha mirada analítica que axude a descifrar, poñer en valor e reafirmar os valores da nosa identidade. Neste momento de crise, de cambios e de reflexión é moi importante non esquecer que o traballo, a actividade económica, forma parte da nosa identidade cultural. O obxectivo para esta nova edición é coñecer realidades dos sectores económicos que sustentan a nosa economía e os avances científicos e tecnolóxicos que fan posible a nosa forma de vida.