Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros pon en marcha o seu Programa de educación para a saúde e prevención de adiccións nos ce

 Oleiros, 19 de novembro de 2014-. O Concello de Oleiros pon en marcha o seu Programa de educación para a saúde e prevención de adiccións nos centros de ensino do municipio. A educación para a saúde debe ser entendida como un proceso orientado ao uso de estratexias efectivas para axudar os individuos a adoptar ou modificar condutas que melloren a súa saúde. Tendo en conta isto, o Concello de Oleiros leva anos apostando por un traballo desde idades temperás nesta materia de educación para a saúde.

 
Neste curso 2014 – 2015, o programa de educación para a saúde: PROMESA, comeza a traballar co alumnado de 5º de primaria, etapa na que os rapaces e rapazas configuran distintos aspectos da súa vida que farán que se incremente ou non a posibilidade de consumos e adiccións en anos vindeiros ata 2º de bacharelato. O programa, que adapta os seus contidos ás necesidades e ás idades de cada grupo de alumnos e alumnas e as súas realidades, comezou na segunda semana de novembro e rematará ao redor do mes de marzo. En total traballaranse cuns 1400 alumnos e alumnas dos IES e CEIP de Oleiros.
 
Xunto a esta intervención en horario lectivo, estase a levar a cabo un obradoiro de mediación en conflitos, que ten lugar todos os mércores pola tarde no centro cultural A Fábrica, onde participan uns 20 alumnos do IES Neira Vilas. Este obradoiro ten como obxectivo formar a novos mediadores á vez que potenciar e poñer en valor o traballo dos equipos de mediación nos centros educativos. 
 
Dentro desde programa, está a disposición das familias e dos rapaces e rapazas o punto de asesoramento. Comezou no mes de setembro e rematará no mes de xuño, ao finalizar o curso escolar. É un recurso que o Concello de Oleiros pon a disposición das familias co obxecto de que, a través de entrevistas individuais, poidan desenvolver dun xeito adecuado as súas funcións educativas e socializadoras. Un servizo que ten como obxectivo orientar, asesorar e elaborar pautas de actuación tanto para as familias como para os nenos e nenas. O servizo está aberto de 17:00 a 19:00 horas os martes e xoves, con cita previa no Centro de Información Xuvenil de A Fábrica.
 
back link