Hemeroteca

Asset Publisher

Back Oleiros opta ao premio internacional «Liveable Communities 2012», que valora a calidade de vida

Oleiros, 14 de xuño de 2012-.  O Concello de Oleiros optará este ano ao premio internacional «Liveable Communities 2012», distintivo que premia os municipios con mellor calidade de vida no planeta. Os premios LivCom convócanse desde 1997 e están apoiados polo Programa das Nacións Unidas para o medio ambiente (PNUMA), co que a organización mantén un convenio de colaboración. Os premios LivCom son unha competición única no mundo, xa que se centra en premiar as mellores prácticas en materia de xestión do medio ambiente local e a calidade de vida cidadá. O seu obxectivo é desenvolver as mellores prácticas internacionais coa meta de mellorar a calidade de vida dos cidadáns a través da creación de comunidades habitables.

Oleiros competirá na categoría B, que engloba a comunidades de entre 20.001 e 75.000 habitantes. Dentro desta categoría optará ao distintivo máis esixente, denominado Whole City Awards, e que avalía criterios como a sustetabilidade da comunidade, a mellora do paisaxe, a xestión do patrimonio, a  planificación para o futuro, as prácticas ambientalmente sustentables e o fomento de estilos de vida saudables. Ademais, Oleiros participa noutra categoría que avalía proxectos específicos e na que competirá cunha candidatura de mellora medioambiental e paisaxística. Este último galardón está premiado con 20.000 libras esterlinas.

A final da edición de 2012 celebrarase a finais de ano na cidade de Al Ain, nos Emiratos Árabes Unidos. As comunidades que chegan a esta última fase dos LivCom terán a oportunidade de intercambiar prácticas e experiencias que lles permitan tratar desafíos comúns, ademais de recibir os seus galardóns se resultan gañadoras dos premios de ouro, prata e bronce nas distintas categorías. Durante as distintas edicións dos LivCon foron premiadas comunidades como Johannesburgo (Sudáfrica), Chicago (EEUU), Los Ángeles (EEUU), Nieuwpoort (Bélgica),  Ogema (Canadá) ou New Plymouth (Nueva Zelanda) entre outras.
 

back link