Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Oleiros levará ao Pleno os Orzamentos xerais para 2013

Oleiros, 17 de decembro de 2012-. O Concello de Oleiros levará ao Pleno ordinario deste mes os Orzamentos Xerais para o ano 2013. Estes orzamentos, que ascenden a 25.099.385 euros, diminúen nun 3,78% en relación ao documento do 2012, que alcanza os 26.084.225 euros.

En relación aos gastos, no apartado de investimentos prevese unha minoración global do 29,11%. En relación ao orzamento de 2012, o gasto de persoal redúcese un 1,26% en parte pola política salarial mantida polo goberno do Estado, e en maior medida, polo axuste orzamentario sobre consignacións en postos  que non serán obxecto de cobertura no vindeiro exercicio.

O gasto corrente, no capítulo II, mantemento de infraestruturas e servizos municipais increméntase un 6,25%, (638.739,00 euros en termos absolutos), que corresponden  principalmente á repercusión do incremento do IVE en 3 puntos, a mellora de cobertura de gastos en partidas que durante o exercicio anterior foron deficitarias.  Os gastos financeiros crecen un 30,15% pasando de 431.120 euros a 561.120 euros. Pola súa banda, no capítulo de pasivos financeiros a redución do gasto é consecuencia da minoración da débeda producida polas amortizacións aplicadas  no exercicio anterior.

No apartado de ingresos destaca unha diminución do 26,67% en impostos indirectos, en cambio os ingresos por impostos directos sobre o capital (IBI, IVTM, IVTNU) increméntanse en relación ao exercicio 2012 un 7,68%, principalmente pola revisión do tipo no IBI establecida polo Goberno do Estado, actuacións catastrais de incorporación de construcións e solo urbano e a modificación das tarifas. Pola súa banda, as taxas e prezos públicos increméntanse un 5,15%, en importante medida pola regulación do IPC.

A participación nos tributos do Estado verase reducida por caer a recadación do Estado, pero incrementarase pola porcentaxe que corresponda polo aumento de poboación, e a dotación extraordinaria que para tal fin dote o Goberno central ou autonómico. Así mesmo, a achega por venta de patrimonio, principalmente solo municipal, vese reducida nun -99,95% dado o actual contexto socioeconómico.
 

back link