No acto tamén participou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, outro tío de Couso, Francisco, e o xornalista Alfonso Hermida, en representación da plataforma Defende A Galega, premiada co galardón José Couso á liberdade de prensa do Colexio de Xornalistas de Galicia.
Tras agradecer á familia de José Couso a súa presenza, o alcalde culpou ao “veleno da avaricia” de todas as guerras provocadas polos Estados Unidos, como a que acabou coa vida de Couso. “ Un profesional da nosa terra que foi atacado covardemente xunto a outros compañeiros mentres facían o seu traballo de informarnos, porque a pesar das numerosas presións exercidas polos Gobernos de Bush e Aznar, houbo xornalistas decentes e valentes como José Couso que decidiron arriscar a súa vida para que puidésemos coñecer que a realidade non era a que nos contaba o chamado trío das Azores: non había armas de destrucción masiva en Iraq, tal e como anos despois recoñeceron Bush e Blair, a diferencia de Aznar que segue instalado na mentira”, dixo o alcalde.
O cuarteto de gaitas Os Ozóns, César de Centi e Fito Mansilla puxeron a música neste emotivo e reivindicativo acto.