Oleiros, 30 de xullo de 2014-. O Goberno local de Oleiros organiza para esta tarde ás 21 horas un acto cívico en apoio ao pobo palestino. A concentración, que se celebra baixo o lema: Paremos o xenocidio conta o pobo palestino, terá lugar no parque José Martí de Santa Cristina. Durante este acto de protesta e solidariedade intervirá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Ademais haberá unha actuación musical protagonizada pola cantante de orixe palestina Najla Shami e do músico brasileiro Sergio Tannus.
Na mesma liña de defensa do pobo palestino, o grupo do Goberno local leerá mañá unha declaración durante o pleno ordinario que se celebrará na Casa Charry. O texto censura o holocausto que se está a levar a cabo e no que as matanzas masivas e os campos de concentración levan tempo sendo a realidade que se vive cada día nos territorios ocupados.
Ademais a moción sinala a necesidade de sacar á luz estas atrocidades, e que isto debe de constituír o deber irrenunciable xa non de xornalistas ou analistas, senón de todos nós, de toda a cidadanía e de todos os representantes do pobo. Deste xeito non cabe outra que condenar o ataque criminal perpetrado polo Estado de Israel contra a franxa de Gaza, reclamando o cese inmediato dos ataques e bombardeos israelís contra o pobo palestino.
Do mesmo xeito, o texto esixe o fin do bloqueo e o derrubamento do muro do apartheid que Israel está a construír na Palestina ocupada, e pide defender o boicot diplomático, comercial, académico e cultural ao Estado de Israel mentres non cumpra a legalidade internacional e non respecte os dereitos do pobo palestino.
Por último a moción pide apoiar os actos que se convoquen e que expresen repulsa social ao ataque criminal de Estado de Israel contra o pobo Palestino, facendo un chamamento aos oleirenses, e a cidadanía galega en xeral, para que manifesten de maneira masiva nas rúas o rexeitamento a este xenocidio. Porque se hai algo peor que os berros desconsolados das vítimas, é o silencio.