Oleiros, 27 de novembro de 2013.- O Concello de Oleiros abre mañá o prazo para preinscribirse no programa Ocioleiros. As persoas empadroadas interesadas en participar nestas actividades poden cubrir as follas de inscrición desde o 28 de novembro ata o 18 de decembro, na Fábrica, en Perillo, en horario de luns a venres de 8.30 a 14.30 h e de 17.00 a 21.30 h e os sábados de 9.00 a 13.00 horas.
Este programa ten como obxectivo principal entreter os veciños e veciñas, para quen se elaboraron actividades divididas en tres grupos de idade. Para os máis novos, para os rapaces e rapazas de 13 a 17 anos, organizáronse actividades como surf, repostería creativa, skate, teatro, fotografía, parkour e cociña. Para a mocidade de 18 a 35 anos ofrécense actividades como cociña, pintura, ganchillo, cata de viños galegos, fotografía, coctelería, xardinería, horta ecolóxica, patinaxe, bolos, iniciación ao surf e bodi-board, travesías en kaiak, bádminton, bailes de salón, bailes latinos e repostería creativa. E o grupo de Xoveoleiros para os veciños entre 36 e 65 anos poderán gozar de actividades como técnicas de relaxación, informática, cociña, pintura, ganchillo, cata de viños galegos, fotografía, coctelería, xardinería, horta ecolóxica, patinaxe, bolos, iniciación ao surf e bodi-board, travesías en kaiak, bádminton, bailes de salón, bailes latinos e repostería creativa. O programa de Ocioleiros terá unha duración de 16 sesións e comezará o próximo 27 de xaneiro ata o 31 de maio.