Oleiros, 29 de xuño de 2017-. O Banco Solidario do Voluntariado de Oleiros levará a cabo este sábado 1 de xullo unha campaña de recollida de latas de conservas no Supermercado Gadis de Bastiagueiro. O obxectivo desta actividade é recoller conservas, tanto de orixe animal como vexetal ou de froitas, para completar os lotes dos que se fan entrega cos produtos de campañas anteriores desde o Banco Solidario.
O Banco Solidario é o proxecto do Voluntariado de Oleiros no que participan implicados un maior número de persoas, desenvolvendo unha importante actividade continua durante todo o ano apoiando a aquelas familias en situación máis desfavorecida. Este sábado, unha ducia de voluntarios e voluntarias estarán informando da campaña ás persoas que acudan ao establecemento comercial así como da actividade do voluntariado.