Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O voluntariado de Oleiros impulsa un proxecto medioambiental no CEIP Juana de Vega

Oleiros, 8 de maio de 2018-. O alumando do colexio de Nós está a participar estes días no proxecto Queremos outro planeta, co que se pretende fomentar a recollida e reciclaxe do aceite doméstico usado. A comunidade educativa do CEIP Juana de Vega (alumnado, familias e profesorado) está a interactuar con Mulleres Colleiteiras, entidade que traballa polo medioambiente e pola inserción sociolaboral de mulleres de colectivos desfavorecidos, actuando o Voluntariado de Oleiros como impulsor e elemento vertebrador e de apoio para ambas partes.

Dentro do proxecto hai todo un conxunto de actividades que implican unha serie de obxectivos transversais de igual relevancia: aprendizaxe, sensibilización, solidariedade, ecoloxismo, participación, comunidade...

O alumnado de 6º de primaria do CEIP Juana de Vega recibiu formación na recollida e reciclaxe de aceite doméstico usado por parte do colectivo de Mulleres Colleiteiras, así como dos principios da economía circular por parte do Voluntariado de Oleiros. Posteriormente, a propia clase de 6º, coa axuda da súa titora e do Voluntariado, prepararon por grupos as súas propias presentacións para trasladalas ao resto dos cursos de primaria e infantil do centro. Nestas actividades os nenos e nenas ensinaron de forma moi didáctica a necesidade de reciclar o aceite doméstico, distribuíndo adhesivos e camisetas informativas e amosando vídeos e experimentos elaborados por eles mesmos.

Todo o alumando do centro levou para a súa casa un embude que facilitará a reciclaxe dese aceite e os propios alumnos e alumnas serán quen leven o aceite usado ao centro, que terá un contedor destinado a ese fin para que sirva de referencia para a recollida de aceite doméstico de toda a parroquia de Nós.

É fundamental que as novas xeracións interioricen estes comportamentos cívicos participando de forma activa e estable en proxectos nos que sexan protagonistas e, asemade, sexan elementos de sensibilización e axentes de cambio nas súas propias familias.
 

back link