Oleiros, 20 de outubro de 2016-. O terceiro encontro participativo terá lugar este sábado 22 de outubro ás 11:00 horas na Casa da Cultura de Perillo e está dirixido a persoas de 18 a 23 anos. O Concello de Oleiros prevé a convocatoria de máis encontros participativos ata remate de ano, para os cales hai xa máis de 400 rapazas e rapaces que manifestaron interese en tomar parte.
“Xeración A Fábrica” é unha iniciativa do Concello de Oleiros que parte do interese por coñecer con maior profundidade como é a mocidade do concello, cales son as súas demandas, necesidades e inquedanzas. Para isto estanse a realizar varios encontros con mozas e mozos de entre 14 e 30.
Estas dinámicas de participación coa xuventude, nas que se convocarán diferentes sesións en función da idade das persoas participantes, están pensadas para tratar temas como a formación, o emprego, a vivenda, a oferta de actividades ou os equipamentos e infraestruturas a disposición da mocidade. Mais tamén pretenden ser a ocasión na que detectar iniciativas xuvenís, e en que maneira o Concello de Oleiros pode axudar ao seu impulso.
Todas aquelas persoas interesadas en participar, poden facelo a través dun formulario habilitado para tales efectos na ligazón: http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/c-ensino-e-xuventude. Calquera dúbida en relación a este proceso pode ser dirixida ao enderezo electrónico: c.xuventude@oleiros.org, ou por teléfono no número 981 636 598.