Hemeroteca

Asset Publisher

Back O pleno aproba definitivamente a urbanización do campo de golf de Dorneda

Oleiros, 26 de setembro de 2012-. O pleno municipal aprobou onte definitivamente a urbanización do futuro campo de golf de Dorneda. A realización deste proxecto, que viu a luz grazas ao voto favorable do grupo de Goberno de Alternativa e do grupo socialista, será un dos motores económicos do municipio no futuro inmediato. O desenvolvemento deste ámbito, que implica un investimento de capital privado de máis de 10 millóns de euros, xerará riqueza e traballo para os oleirenses. Ademais permitirá a creación de novos equipamentos como será o futuro campo de fútbol de Dorneda, que se construirá a cargo da urbanización, a ampliación da depuradora Dorneda-Oleiros, a recuperación do castro de Xaz como ben público, novas vías de comunicación e de 300.000 metros cadrados de novas zonas verdes municipais.

Así mesmo, aprobouse inicialmente a urbanización das Viñas, en Perillo, esta modificación puntual do PXOM mellorará o planeamento previsto para esta zona do municipio, unha das bolsas de solo por urbanizar en Perillo. Ademais durante a sesión aprobouse a regularización do IPC de varias ordenanzas fiscais e as obras do Plan DTC.  A través deste plan o Goberno local realizará varias obras en Santa Cristina, adquirirá maquinaria para mellorar camiños municipais  e amañará o paseo marítimo de Mera e a senda costeira das Galeras. A iniciativa saíu adiante co apoio de todas as forzas políticas.

Tamén a proposta do grupo de Goberno e co apoio unánime aprobouse a concesión dunha subvención nominativa para que os tres clubs de fútbol (Marino, Dorneda e Atlético San Pedro) que levan a cabo a súa actividade deportiva en campos privados poidan facer fronte aos gastos de auga e luz e non se cre un agravio comparativo co resto de entidades que levan a cabo a súa actividade en campos públicos. Así mesmo acordouse a eliminación da paga extraordinaria de decembro dos cargos políticos e do persoal de confianza como xesto de responsabilidade cos traballadores municipais aos que o Goberno de España eliminou esta remuneración dentro da súa política de recortes.
 

back link