Oleiros, 7 de abril de 2022-. O sábado día 23 de abril o Concello organiza unha ruta de sendeirismo polas terras da Fonmiñá e o Castro de Viladonga, con visita ao Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga. Para inscribirse é preciso cubrir un formulario na web do Concello a partir do luns 11 de abril ás 10:00 horas. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
A ruta irá desde Fonmiñá ata Castro de Rei percorrendo a Lagoa da Fonmiñá, o Río Miño, o Castro de Sá, a Igrexa de San Salvador de Crecente, o Pazo de Fontexón ou a Carballeira do Rei, entre outros lugares. A distancia a percorrer é de 20 km e está cualificada como de dificultade media.
A actividade ten un custo de 22 euros e está dirixida a persoas maiores de idade, tendo preferencia as persoas empadroadas en Oleiros. Para obter máis información é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.