Oleiros, 26 de outubro de 2015-. O Goberno municipal aprobará no pleno ordinario do vindeiro xoves a devolución da paga extra de nadal de 2012 a todos os traballadores do Concello de Oleiros. Funcionarios, persoal laboral e eventual e os membros da Corporación recibirán esas cantidades que non puideron percibir no momento que lles correspondía por imposición do Goberno do Estado.
Esa medida, de obrigado cumprimento, aplicouse ao persoal municipal -funcionario e laboral- e de xeito voluntario ao alcalde, membros do Goberno municipal e membros da Corporación sen dedicación exclusiva e persoal eventual mediante o acordo acadado na sesión plenaria ordinaria de 25 de setembro de 2012. O Goberno municipal manifestou en reiteradas ocasións o seu profundo desacordo coa medida decretada polo Goberno estatal e, ante a obrigada imposición desta para todo o persoal municipal, decidiu aplicarlla a todas aquelas persoas que percibían remuneracións do Concello, incluídas as integrantes do grupo de Goberno así como ao persoal eventual como mostra inequívoca de solidariedade cos traballadores municipais.
Ademais deste asunto, a orde do día inclúe outros temas. Varias ordeanzas fiscais serán modificadas, entre elas a que regula o imposto sobre vehículos de tracción mecánica que non se revisaba desde 2009 e que suporá a actualización das taxas. A suba do IPC desde ese ano suporá un incremento do 8%. “Quizais sexa o tema máis importante deste pleno e seguro que dará lugar a demagoxias, pero hai coches en Oleiros que pagan a metade que noutros municipios”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O Goberno tamén aprobará solicitarlle á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun tramo da estrada AC-173 ao seu paso por Santa Cruz, correspondente á Rúa Concepción Arenal.