Este é un paso máis para facer practicable ese treito costeiro que percorre a parroquia de Dorneda e que supón un itinerario alternativo, ciclopeonil, entre Mera e Santa Cruz. Deste xeito, toda a costa de Oleiros será camiñable por terreos públicos.
Entre outros asuntos, o pleno tamén aprobou a execución da obra de remodelación integral da Escola Infantil A Pardela -que comezará este verán e se realizará en dúas fases- e unha modificación do regulamento que rexe as normas dos plenos para garantir o funcionamento democrático das sesións.
A sesión plenaria comezou coa lectura da Declaración Institucional do Goberno municipal con motivo do 8-M por parte de rapazada que participa activamente nas Casas da Mocidade. Unha vez máis, serviu para expresar o firme compromiso do Concello de seguir traballando a prol dun futuro máis amable, xusto e igualitario para as novas xeracións; como así tamén poñer de manifesto a loita histórica e incansable das mulleres durante xeracións para defender a súa valía en todos ámbitos da vida pública, política, artística, científica ou calquera outra disciplina que se non se axuste ás parcelas históricas nas que se relegou á muller: ao fogar e aos coidados da familia.