Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello sorprende in fraganti a un madeireiro tallando un monte sen autorización

A Policía Local colleu in fraganti a un madeireiro que estaba a tallar unha extensión de monte sen autorización municipal.

No concello de Oleiros existen numerosas áreas e zonas catalogadas polo Plan xeral como de especial protección forestal, nas que non está permitido cortar especies arbóreas. Nestes montes só é posible realizar limpezas e saneamentos. 

A Policía Local foi avisada dunha posible talla ilegal na rúa da Portela en Dexo. Os municipais presentáronse na zona e localizaron in franti á empresa infractora, a cal non tiña autorización municipal para a realización dos traballos nesa parcela. Por esta actuación, o Concello abrirá un expediente sancionador á empresa infractora. Nos últimos anos proliferan empresas e particulares que realizan tallas ilegais no municipio. 

“En Oleiros, a Xunta de Galicia non ten que dar autorización ningunha a respecto das talas porque aquí temos un Plan Xeral e unha normativa que regula como e onde se poden facer as tallas. Os madeireiros chegan, rompen camiños, arrasan co que poden; imos sancionalos”, apuntou o alcalde.

Para evitar sancións, desde o Concello recoméndase os veciños e veciñas propietarios de montes que se aseguren de que os madeireiros aos que lles venden a madeira dispoñan da licenza municipal e actúen conforme á ordenanza. Estanse a producir cortas en montes privados sen ningún tipo de acordo previo coas persoas propietarias, que deben denunciar os feitos na Garda Civil e poñelo en coñecemento do Concello. En Oleiros é necesario ter autorización expresa do concello para poder levar a cabo unha talla, non serve só coa autorización previa da Xunta de Galicia.

back link