Oleiros, 16 de xaneiro de 2015-. O Goberno local de Oleiros levará ao próximo pleno diversas melloras no ámbito da urbanización Os Regos. Estas melloras consistirán na restauración de beirarrúas da vía principal desta zona residencial xa que estas se atopan totalmente deterioradas debido ao reiterado estacionamento de vehículos sobre as súas baldosas.
Ademais da renovación do pavimento da zona de tránsito peonil, habilitarase unha nova zona de aparcamento na rúa Mandeo. Para iso ampliarase a vía existente eliminando uns parterres situados no seu último tramo. Así mesmo, dentro deste proxecto de mellora do contorno dos Regos, o Concello incluirá a recuperación da senda peonil que circunvala parte da urbanización no linde coa avenida Isaac Díaz Pardo.