Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello organiza un obradoiro de educación sexual para familias con menores

 Oleiros, 13 de marzo de 2021-. O luns abre o prazo de inscrición para un obradoiro en liña sobre educación sexual dirixido ás familias de Oleiros con menores, organizado pola concellería de Servizos Sociais e Igualdade. O obradoiro, co que colabora a Federación de Planificación Familiar de Galicia, será gratuíto, a través da plataforma Zoom, os días 22 e 29 de marzo e 5 de abril en horario de 18:00 a 20:00 horas.

 
Falemos de educación sexual é un obradoiro que se suma á oferta do programa municipal Familias Inquedas. O seu obxectivo é ofrecer claves e ferramentas para educar a sexualidade; unha tarefa complicada na que moitas familias séntense inseguras debido á falta de coñecementos ou polas carencias na súa propia educación sexual.
 
A través destas tres sesións preténdese apoiar ás familias, de forma que lles permita acompañar ás súas fillas e fillos a ser máis libres e felices, mantendo sempre aberta a porta do diálogo, escoitando as súas opinións e axudándolles a decidir de maneira autónoma no camiño do seu desenvolvemento.
 
Estas sesións serán impartidas por Jeane Costa, coordinadora da Federación de Planificación Familiar Estatal en Galicia, docente e con másters en Sexoloxía e Xénero e Autocoñecemento, Sexualidade e Relacións Humanas, conta con ampla experiencia en formacións e programas de Educación Afectivo Sexual.
 
As inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, a partir das 10:00 horas do luns 15 de marzo e ata o mércores 17 de marzo ás 23:00 horas.
 
As 15 prazas que se ofertan adxudicaranse por orde de inscrición. 
 
A metodoloxía do obradoiro será participativa, de tal forma que as familias, dentro dos contidos previstos en cada sesión, poidan formular preguntas e compartir as súas inquedanzas.
back link