Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello inicia a reforma da Casa Labarta para convertela en escola infantil

Oleiros, 31 de maio de 2011.- O Concello de Oleiros inicia esta semana os traballos de mellora da Casa Labarta, en Mera, para adecuala como escola infantil. Deste modo a Casa Labarta, que xa funcionou no pasado como escola unitaria, aloxará unha escola infantil dedicada a nenos e nenas de 0 a 3 anos e cubrirá,  de cara ao próximo curso, a urxente necesidade de prazas deste tipo que sofre o municipio, especialmente na zona norte.

O Concello de Oleiros, que cedeu este inmoble hai uns meses á Xunta de Galicia para que implantara de inmediato o equipamento docente, contratou igualmente as obras de mellora e adaptación deste edificio por un importe total de 240.000 euros. Para iso serviuse de recursos propios e de fondos derivados da UE a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Así mesmo, solicitou á Consellería de Benestar Social que dote o centro de persoal necesario para que poida iniciar a súa actividade o próximo mes de setembro.

Neste sentido, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, criticou esta mañá  as declaracións da Consellería de Benestar Social a través das que se deixa ver que non se dotará o centro do persoal necesario. Ademais García Seoane alertou do grave problema que supón que 142 nenos e nenas do municipio carecen dunha praza para este tipo de centros de cara ao próximo curso. «As tres escolas infantís coas que conta o municipio son de iniciativa municipal, ningunha foi construída pola Xunta, puxémolas en marcha desde o Goberno local», recordou.

back link