Oleiros, 30 de outubro de 2012-. O Concello de Oleiros incrementará un 20% o orzamento do programa de Servizos Sociais Axuda no fogar. Segundo sinalou o alcalde, Ángel García Seoane o investimento nesta iniciativa pasará de 532.000 euros anuais a 645.947, cun incremento de 107.000 euros respecto ao ano anterior. O rexedor destacou a importancia deste programa e o gran traballo asistencial que se está a facer a través desta iniciativa. García Seoane sinalou que o incremento é máis necesario que nunca debido ao contexto de crise no que nos atopamos.
O Servizo de Axuda no Fogar ten a finalidade de garantir a permanencia das persoas maiores no seu propio contorno. O obxectivo xeral deste programa social é facilitar o desenvolvemento ou o mantemento da autonomía persoal, previr a deterioración individual e promover as condicións favorables nas relacións familiares e de convivencia, contribuíndo á integración e á permanencia das persoas no seu contorno habitual de vida, mediante a intervención e o apoio de tipo persoal, social e doméstico.