5 de xaneiro de 2011
Oleiros, 4 de xaneiro de 2011-. O Concello de Oleiros elaborou unha completa guía de máis de 100 páxinas na que se recollen os distintos servizos e equipamentos que o Concello oferta á cidadanía. Os contidos están clasificados por áreas temáticas e inclúen información sobre espazos naturais, equipamentos docentes e de saúde, lugares de interese cultural e de ocio, así como servizos administrativos.
A través desta publicación calquera persoa pode localizar nas distintas parroquias do concello os servizos dos que dispón. Na guía todas as instalacións se acompañan dun plano de situación e unha localización por GPS.
A guía repartirase ao longo do mes de xaneiro nos domicilios oleirenses e do seu reparto estanse a encargar seis persoas contratadas polo Concello. Debido ao volume da publicación e posto que non entra en todas as caixas de correo, nestes casos deixarase unha notificación para que se recolla na Casa do Concello ou nas dependencias da Fábrica, en Perillo.