Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás O Concello denuncia novamente graves irregularidades no servizo de recollida de lixo

O presidente do Consorcio das Mariñas está a tolerar a vulneración sistemática das obrigas contractuais da empresa de recollida de lixo. Ao incumprimento das frecuencias de recollida, á non limpeza dos contornos de contedores, ao uso de camións avariados que van perdendo lixo polas rúas e á non reposición de contedores rotos; súmase agora tamén graves deficiencias no funcionamento do punto limpo de Iñás.

Numerosos veciños e veciñas están a denunciar ante o Concello que se lles está a impedir o depósito de residuos no punto limpo debido a que leva días cheo, sen que se retiren os distintos desperdicios e obxectos. Esa inaceptable situación pódese constatar visualmente con todos os contedores a rebosar, amoreamento de grandes electrodomésticos, etc... 

Por que o presidente do Consorcio das Mariñas consinte todos estes graves incumprimentos do contrato de recollida de lixo, que supoñen importantes beneficios económicos para a empresa concesionaria?

De non subsanarse a situación de inmediato, o Concello de Oleiros estudará todas cantas medidas sexan necesarias para paralizar o dano medioambiental e hixiénico que se está a causar no municipio polas deficiencias do servizo. Son feitos constatados constitutivos de varios presuntos delitos.


 

back link